
Premios Tinta de Lura de Banda Deseñada
O 19/06 entregamos na libraría Wells de Cangas os Premios Tinta de Lura de Banda Deseñada nos que participamos co alumnado e compañeiros/as do IES Rodeira.
Tras meses intensos de lectura e deliberacións, o xurado fallou a semana pasada as obras gañadoras desta edición, que distingue o talento narrativo e gráfico tanto en lingua galega como en lingua castelá e que tiña como finalistas obras de autores como Laura Pérez, Jose Antonio Pérez Ledo ou Bea Gregores.
Na categoría en lingua galega, a obra merecedora do premio foi "Voitres. Presas Fáciles" de Miguel Anxo Prado. Neste novo caso os policías Tabares e Sotillo investigan o suicidio de Irina. Cun estilo visual inconfundible, Prado convida á reflexión sobre os límites entre ficción e realidade, e como a primeira representa non só o que xa pasou, senón o que podería pasar.
En palabras de Ariana, membro do xurado:
"Voitres pareceume unha banda deseñada moi entretida. Por outra parte, os debuxos gustáronme moito xa que contribúen ao seu entendemento".
Por outra banda, na categoría de lingua castelá, a obra "Piezas" de Víctor Pinel conquistou ao xurado co seu relato de diferentes historias conectadas nalgún punto ao longo da trama.
Os seus protagonistas, marcados polo fracaso nas súas relacións persoais, así como a súa resiliencia para saír adiante, funcionan como pezas dun xogo de xadrez —peóns, cabalos, torres, e tamén rei e raíña—, que avanzan coas limitacións do seu rol no enorme taboleiro que supón a vida.
En xeral, "unha experiencia que nos encantou e e que recomendaríamos sen dubidalo" comenta Lucía de 4° ESO.
Aquí deixámosvos algunha nova sobre a entrega dos premios:









